Friday 01 de November de 2024

O Concello solicitará unha subvención á Deputación co que se creará o espacio polivalente máis grande de Carral, de 700 m2


• O pleno deu luz verde, esta mañá, á proposta co voto favorable de Alternativa dos Veciños e do PP e coa abstención do PSOE.

O Concello de Carral solicitará á Deputación da Coruña unha subvención nominativa coa que crear o espazo cuberto máis grande do municipio. A intención, tal e como sinalou o alcalde, Javier Gestal, é que esta axuda se empregue para construír un espazo polivalente de 700 m2 nas inmediacións do centro de saúde e do complexo deportivo. O rexedor lembrou que no pleno de xullo xa se aprobara a solicitude dunha subvención ao ente provincial para a execución da reforma das pistas deportivas na rúa Paleo. “Agora, ante a previsión de que Alternativa dos Veciños poida conseguir un maior investimento para a realización deste proxecto, levamos a pleno a proposta para pedir unha nova solicitude de subvención que nos permita levar a cabo un proxecto máis ambicioso e que suporá a creación da instalación cuberta máis grande do municipio”.

A memoria orixinal do proxecto incluía as seguintes actuacións: construción dun muro de contención na parte traseira das pistas e dunha soleira de formigón armado en toda a superficie, disposición dun peche perimetral de 4 metros de altura de malla electrosoldada e do cerramento do centro de saúde de 1 metro de altura, canalización de pluviais, creación dun lavadoiro de bicicletas e instalación eléctrica. A disposición dunha maior contía supoñerá a execución dunha cuberta de 700 m2 sobre as pistas. Unha vez concluídos estes traballos, o Concello dispoñerá dunha dependencia de grandes dimensións que poderá acoller tanto eventos como actividades de todo tipo.

O punto foi aprobado co voto a favor de Alternativa dos Veciños e do Partido Popular e coa abstención do PSOE, que indicou que había “outras prioridades antes dá execución desta obra”.